Saltar ao contido

Décimas ao Apóstolo Santiago

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Décimas ao Apóstolo Santiago
Autor/aMartín Torrado Mariño
Lingualingua galega
Tema(s)Santiago o Maior
Xénero(s)poesía
Data de pub.1627
editar datos en Wikidata ]
Décimas ao Apóstolo Santiago (M).

As décimas ao apóstolo Santiago son unhas composicións poéticas de Martín Torrado Mariño escritas en 1627, moi populares no seu tempo. Nelas recóllese a polémica consistente en considerar se Santiago o Maior debía de ser o único santo patrón de España ou se, pola contra, debía compartir esa honra con Tareixa de Ávila. Esta obra pertence aos, denominados en Galicia, Séculos Escuros. Esta é unha das conservadas durante ese período de escaseza literaria.

Descrición

[editar | editar a fonte]

No ano 1617 xorde no ámbito real a idea de nomear a santa Tareixa de Ávila patroa de España, compartindo con Santiago a honra dun padroado que fora, até entón, exclusivamente atribuído ó apóstolo. No medio dunha polémica xurídica e verbal, especialmente intensa en Galicia pero que mobilizou personaxes importantes de España enteira (especialmente os que eran posuidores da Cruz de Santiago, como Francisco de Quevedo), xorde unha composición, de ton desenfadado, alusiva a aquel asunto tan controvertido, obra de Martín Torrado, daquela abade de Urdilde e máis tarde reitor do colexio de Fonseca; personaxe coñecido nos medios cultos santiagueses e do que non se conserva ningunha outra composición.

En 1678 aparece copiada nas gardas dun libro da época (Filgueira, 1925, p. 294) e aínda chegou, século e medio despois de composta, a Martín Sarmiento, que pon o seu comezo ex abrupto como exemplo da expresión, que considera tipicamente galega, de empezar unha copla cun vocativo, o mesmo que sucede noutras coplas populares; el mesmo posuía unha copia e refírese ás décimas como “famosas coplas en gallego”, afirmando que “un caballero y muy erudito me pidió las coplas Santo da barba dourada, etc., para copiarlas”, sinal do interese que aínda daquela debía de espertar. Unha cantiga popular, recollida no século XIX, repetida no XX con diversas variantes, que incorpora o primeiro verso de Torrado como un verso máis, testemuña ese interese ó longo do tempo.

En seis décimas, o autor fai que unha persoa sinxela (un labrego, segundo o padre Sarmiento) se dirixa ó Apóstolo de maneira familiar pero respectuosa e en ton marcadamente humorístico, comentando co santo o forzado emparellamento que lle queren impoñer e que diminúe a súa dignidade varonil e patriarcal. O humor está espallado ó longo de toda a composición, compaxinado cunha concepción do cristianismo de raíz épica, entendida como unha especie de cousa de homes contra os inimigos, que profesaban outras crenzas “mouros e xudeus” e, en xeral, cun credo tradicional de valores (preeminencia do masculino, do cristián, do establecido) expresado con simpatía e a través dunha serie de recursos como as antíteses e apóstrofes continuos, exclamacións e interrogacións e un certo ton coloquial (“¡Arreda, vai Satanás!”; “I a nosa Santa Teirexa / ¿no ha de ter a misma queixa, / pois vola dan por muller, / sen prefuntar se ela quer, / se ela toma, se ela deixa?”), recursos próximos ós gustos do pobo e que contribuíron a darlle á peza unha persistente fama e aceptación entre un público culto e popular.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]